Meniños Cantores é un traballo pioneiro realizado con colexios de Galicia e do Norte de Portugal. A iniciativa surdiu da colaboración entre a organización educativa Ponte…nas ondas! e Casa de Tolos. A presentación por parte das escolas integrantes do colectivo Ponte…nas ondas! da canditatura ó Patrimonio Oral e inmaterial Galego-Portugués ante a UNESCO, foi a chispa que prendeu esta iniciativa. O traballo consiste nunha exploración do patrimonio musical común a Galicia e Portugal, así como unha pequena ollada a un futuro posible.
Para poder realizalo contamos con profesores de música e alumnos de dezasete centros. O resultado final é o seguinte:
Un CD que inclúe:
- 28 cancións.
- Pista interactiva con letras e partituras.
Un DVD que inclúe:
- Un documental sobre o proceso de realización do proxecto narrado en catro idiomas (galego, portugués, castelán e inglés).
- Un documental sobre os costumes e a tradición oral comúns a ambos lados da fronteira, narrado en catro idiomas como o anterior.
- Un videoclip por cada centro.
- Trinta e dous karaokes.
Un libro que inclúe:
- Letras das cancións.
- Lista dos participantes.
- Textos informativos sobre cada centro e o seu concello en catro idiomas (galego, portugués, castelán e inglés).
Todo isto é o resultado dun traballo que vimos realizando PAI-Música, Casa de Tolos e Ponte…nas ondas! dende principios do ano 2005. A primeira fase, unha vez decididos os colexios participantes, foi a gravación dos temas que prepararan os alumnos. Unha vez feito isto, contamos coa participacións de músicos de ambos lados da fronteira para lle dar o toque final ás cancións.
Como broche final decidimos gravar un videoclip coa participación de tódolos rapaces que estiveran involucrados no proxecto. “Máis perto”, con letra de Uxía Senlle, foi o tema elixido. O lugar no que se levou a cabo foi a antiga Ponte Internacional Tui-Valença. Alí tuvo lugar a apoteóse dos Meniños Cantores, o punto de confluencia de todos os nosos esforzos.
Este proxecto constituirá un referente mundial do traballo con nenos e sobre o patrimonio oral e inmaterial. Son os nenos os que; mediante a súa interpretación da tradición, crean un patrimonio para o futuro.